Contrato de Xestión Amtega 2022-2025

Contrato de Xestión Amtega 2022-2025

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, constituída con data 9 de marzo de 2012, publica o contrato de xestión que establece os compromisos asumidos pola Axencia no ámbito de actuación ao que estende a súa actividade en virtude das competencias atribuídas polo seu Decreto de creación, que neste período se centra especialmente nos retos marcados por un novo escenario en materia de dixitalización que a nivel europeo ven marcado polas directrices establecidas da visión Década Dixital e que se define atendendo a catro grandes eixes: dixitalización dos servizos públicos, infraestruturas dixitais seguras e sostibles, capacidades dixitais (tanto da cidadanía como dos profesionais vinculados ás novas tecnoloxías) e transformación dixital das empresas.

Unha vez rematada a vixencia do segundo contrato plurianual e cumpridos os obxectivos previstos nel, cómpre aprobar o 3º contrato plurianual de xestión desta axencia pública autonómica coa finalidade de establecer o marco de actuación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para os vindeiros catro anos.

O contido deste contrato de xestión aprobouse, en termos de proposta, polo Consello Reitor da Amtega por acordo de data 21 de xuño de 2022 e, con carácter definitivo, polo Consello da Xunta de Galicia, na sesión celebrada o día 23 de xuño de 2022.

O obxecto do presente contrato de xestión é establecer o marco de relacións entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Xunta de Galicia e, polo tanto, o sinalamento dos compromisos asumidos por cada unha das partes para a consecución da misión da dita Axencia como entidade encargada do desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Así pois, este contrato de xestión terá por obxecto regular a actividade da Amtega mediante o sinalamento das diferentes actividades conducentes ao cumprimento da súa misión, do enfoque que debe darse á realización das mesmas, así como da asignación dos recursos orzamentarios e a dotación de persoal precisa para levar a cabo devanditas actividades.

Para máis información pode consultar a continuación o documento íntegro. 

Contrato de xestión